SOBRE NÓS

Rafa R. Martínez
Dramaturgo / Deseñador Gráfico / Director de Escena
Ourense, 1989.
Fórmase na Escola Superior de Arte Antonio Faílde e de maneira autodidacta, desenvolvendo proxectos para empresas, festivais de artes escénicas e artistas de diferentes disciplinas. O seu traballo visual foi exhibido en Sons Improbabeis (Auditorio de Galicia, 2022) e nas Residencias Paraíso (CDG, Salón Teatro, 2023).
En 2021 cofunda a compañía de teatro e danza MORRAOCONTO. Debuta como director e dramaturgo en 2025 con TROMSØ, primeira parte da súa Triloxía da Perda. Tras unha ampla xira e unha excelente acollida de público e crítica, o espectáculo obtén en 2026 sete nomeamentos na 30 edición dos Premios María Casares. Destacando Mellor Dirección, Mellor Dirección de Movemento e Mellor Espectáculo. Nesta mesma edición recibe o Premio María Casares ao Mellor Espazo Escénico.

Lara Pouso
Actriz / Produtora
Santiago de Compostela, 1997.
Fórmase na Aula de Teatro da USC baixo a dirección de Roberto Salgueiro, participando nas montaxes Cinzas (2015), Cousas que trouxo a chuvia (2016), Pasar por Nida (2017) e A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour (2018). Participa tamén en Cabaré Salomé, de GN Teatro, espectáculo gañador do primeiro premio Xuventude Crea 2016.
En 2018 protagoniza a curtametraxe Peixes Voadores, de Paco Torregrosa. En 2023 aparece na película Os Amantes de Abrente, da TVG, e en 2024 participa no spot da Lotería de Nadal.
Actualmente compaxina a codirección de Morraoconto con traballos para outras compañías, como Títeres Cachirulo ou Nauta Teatro. En 2026 recibe o Premio María Casares ao Mellor Espazo Escénico.

Miguel Gendre
Actor / Bailarín / Distribuidor
Santiago de Compostela, 1988.
Fórmase en folclore en Cantigas e Agarimos e nas aulas de teatro e danza da USC con Roberto Salgueiro e Amparo Novas, ademais de en intensivos con profesionais como Sharon Fridman, Lucas Condró, Marta Pazos, Paula Quintas, Esther Latorre, La Macana, Iker Gómez, Lali Ayguadé, Vero Cendoya, Lisard Tranis, Joel Beddows, Vicente Fuentes ou Ana Vallés.
No eido audiovisual protagoniza dúas curtametraxes, baixo a dirección de Ghaleb Jaber e Jorge Guimerá, e colabora en videoclips de Tanxugueiras, Davide Salvado, A Banda da Loba, Som do Galpón ou Gaëlo.
Traballa para festivais como 6coreógrafas, Corpo(a)Terra, USCénica, SoloDos en Danza, Herdanza, Cara unha Escena Plural ou Camiño Escena Norte nos ámbitos de produción, mediación ou fotografía.
En 2024 forma parte do elenco de Os actos e as profecías do Centro Dramático Galego e é seleccionado co proxecto Vesperi Lux para as residencias artísticas Atopémonos Bailando 2024.
En 2026 recibe o Premio María Casares ao Mellor Espazo Escénico.