A COMPAÑÍA

MORRAOCONTO é unha compañía galega de creación contemporánea fundada por
Rafa R. Martínez, Lara Pouso e Miguel Gendre no ano 2021 en Ames (A Coruña).

Traballamos na intersección entre teatro, danza e linguaxe audiovisual, coa vontade de desenvolver proxectos propios desde unha mirada híbrida e cunha forte identidade escénica. Entendemos cada espectáculo como un dispositivo vivo no que a palabra ocupa o centro do proceso creativo, construíndo a partir dela a arquitectura da peza. A dramaturxia física, a composición visual e o universo sonoro dialogan co texto, expandíndoo e xerando unha experiencia escénica amplificadora. Partimos da palabra como detonante poético, político e divulgativo, deixando que a súa vibración modele o ritmo e o ton emocional da peza. Interésannos os relatos que conectan co humano dende o sensorial, colaborando con artistas de diferentes disciplinas e favorecendo procesos de creación abertos e permeables que enriquezan o noso imaxinario e fortalezan cada proposta. Apostamos por:

  • Linguaxes contemporáneas accesibles a públicos diversos.
  • Hibridación disciplinar.
  • Procesos de creación sólidos e colaborativos.
  • Propostas escénicas con identidade propia e percorrido nos circuítos.

Cremos nunha creación contemporánea sostida no risco e no pensamento crítico.

MORRAOCONTO debuta en marzo de 2025 con TROMSØ, primeira parte da súa Triloxía da Perda, na Casa da Cultura do Milladoiro (Ames), coas entradas esgotadas.

A peza percorre Galicia visitando cidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra, Viveiro, Lugo, Vimianzo, Sada, Ordes, Negreira, As Pontes, Cangas, Padrón, Noia ou Oleiros, ademais de participar en eventos profesionais como o Culturgal. Destaca a súa participación en formato completo no Galicia Escena Pro 2025, en Santiago de Compostela, como parte do escaparate profesional das artes escénicas galegas. Esta primeira xira vén acompañada dunha sólida acollida de público e crítica, con presenza en medios especializados como a Erregueté e o Zig Zag.

A finais de 2025, o texto de TROMSØ é publicado na colección de dramaturxia da revista Erregueté, ampliando o alcance da peza máis alá da escena e reforzando a súa dimensión literaria.

En marzo de 2026 reciben 7 nomeamentos na XXX edición dos Premios María Casares, en categorías como Mellor Dirección de Movemento, Mellor Dirección ou Mellor Espectáculo, converténdose nun dos mellores debuts para unha compañía emerxente na historia destes premios.

CONTACTO

8 + 6 =